xoves, 9 de abril de 2015

Autora Rosa Aneiros, quen é?

A autora galega Rosa Aneiros Díaz nace en Meirás (Valdoviño) en 1976 e fórmase na Universidade de Santiago de Compostela como xornalista, na Facultade de Ciencias da Comunicación, onde tamén chega a exercer, entre outras actividades, o labor docente na Facultade de Humanidades do campus de Lugo.
Na actualidade, é membro do Consello da Cultura Galega e colabora con diversos medios de comunicación tanto físicos como dixitais, entre os que se encontra culturagalega.org, organismo que se ocupa da promoción da cultura e lingua galega.
A súa verdadeira paixón sempre a atopamos ligada ás pegadas da súa obra literaria, centrada no relato e, sobre todo, na novela. Con Resistencia recibiu o premio Arcebispo Xoán de San Clemente á mellor novela en lingua galega do ano 2002.

Rosa Aneiros cos premios Xerais. Fuente blog da editorial Xerais: http://xerais.blogaliza.org/

A autora conta no seu haber cunha extensa obra que se inicia coa súa primeira novela Eu de maior quero ser (1999), na que xa comeza a sacarlle punto ao seu universo de inquedanzas entorno á realidade do ser humano. É unha obra protagonizada por cinco universitarios que están a punto de rematar a carreira. Esta obra relata o transcurso da transición da adolescencia á vida adulta, na que non todos serán capaces de facer realidade as ilusións creadas.
Resistencia (Xerais, 2003 Premio Arzobispo San Clemente, 2003). É a obra debut de Rosa Aneiros en Xerais Narrativa. Nesta obra nárrase, a través da vida de personaxes pertencentes a varias xeracións, a historia política e social de Portugal. Resistencia é unha novela de amores afastados na que todo o move o amor, que case sempre nace inocente e que axiña se vai tornando complexo e difícil. Unha novela memorable que se move entre a exaltación da resistencia política exercida por algúns personaxes e o amor entendido como algo cruel que converte as persoas en escravas. É unha novela apaixonante, escrita co ímpeto da vida, difícil de esquecer; Resistencia é, pois, toda unha singradura a través da historia portuguesa da man de dúas familias maldicidas pola escravitude do amor, a morte e o silencio.
O xardín da media lúa (2004), obra dirixida a lectores novos, mestúranse lendas populares árabes que chegaron a nós por transmisión oral e foron contadas de múltiples maneiras. Coa axuda do enxeño, as lendas árabes ensínannos a confiar máis en nós mesmos, a superar as dificultades e deixar de lado o egoísmo.
Veu visitarme o mar (Xerais, 2004), conta a historia de Alba, unha bióloga que traballa nunha piscifactoría da Costa da Morte, que se ten que enfrontar de novo a pasada catástrofe do Mar Exeo cando sucede a catástrofe do Prestige. Nesta obra podemos destacar como a profesión de periodismo da autora se ve reflectida nas súas obras a través das noticias que invaden as nosas vidas. De este xeito, a autora amósanos como a catástrofe afectou a moitas persoas nas súas vidas.
Sol de Inverno (Xerais, 2009 Premio Xerais de Novela 2009 e Premio Fervenzas Literarias a Mellor portada adultos, 2009). Esta obra constrúe un mundo simbólico e máxico polo que deambulan seres entrañables para crear un relato de pulso vagoroso, que reborda nun potente río de historias. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, marcan o pulso desta novela que destaca pola rebeldía dos personaxes na defensa dos ideais e da xustiza.
Ámote Leo A. Destino xalundes (Xerais, 2013) e Ámote Leo A. Estación de tránsito (Xerais, 2014). Nesta triloxía cóntanos a historia dunha rapaza que ao rematar os estudios universitarios ten pensado ir de viaxe con catro compañeiros. Cando xa falta pouco para marchar eles bótanse atrás e ela debe decidirse en desistir coma eles ou lanzarse a aventura de coñecer sitios novos e novas persoaxes. Ao fin decide marchar e coñecer Lisboa, Barcelona, Granada, Marrakech, O Cairo e Istambul serán as primeiras escalas desta apaixonante viaxe onde é perseguida por unha enigmática pintada que aparece nos lugares máis insospeitados: Ámote Leo A. Nesta obra vemos similitudes coa obra de Ás de bolboreta, no sentido no que aparecen diferente persoaxes de outros países coas súas historias particulares.
Comezou a escribir pola necesidade de contar historias, pola necesidade de inventar outros mundos que ela non vivía cos pés, senón coa cabeza. Como ela dí, crear mundos para ter a sensación de camiñar a cegas e as toas por esa cidade porque alguén che contou antes. Na súa aldea non había moitas nenas e os nenos non querían xogar con ela, por iso andaba sempre co seu padriño, quen lle contaba as súas vivencias da emigración. O que o seu padriño lle contaba a través da oralidade, ela tiña a necesidade de transmitilo a través da escrita.
A nai era unha grandísima lectora. A súa infancia está marcada polo contexto rural no que se criou, no que a literatura lle servía como medio de refuxio e supervivencia. Mostrou dende moi nena o seu interese “por abrir portas e xanelas” que expliquen o mundo doutra maneira e así comezou a construír a realidade que nos achega a través da súa obra literaria, Ás de bolboreta, na que entrelaza pequenas historias que conflúen na taberna, lugar de encontro coa oralidade, que é tan importante nas zonas rurais e que ela recolle a través da súa escrita.
Aínda que non podemos falar de referentes en sentido estrito, si que podemos falar das súas influencias que parten do realismo máxico. Este movemento literario hispanoamericano caracterízase pola inclusión de elementos fantásticos na narración, co que pretende afondar na realidade a través do máxico que hai nela e que está ligado ás vivencias persoais que lle transmitiu oralmente seu padriño dende as historias da Habana.
Outras das súas claras influencias podemos atopalas na súa formación de xornalista na que esperta o seu interese por temas de actualidade e, por outra banda, na poesía da xeración do 27 na que atopa, entre outros referentes, a Cunqueiro e Manuel Antonio, na que se ve reflectida.

Referencias bibliográficas:
Páxina oficial do centro de documentación da asociación de escritores en lingua galega. http://www.aelg.org/ (entrada consultada 08/04/2015).
Páxina oficial da Editorial Xerais. http://www.xerais.es/ (entrada consultada 06/04/2015).
Páxina da Enciclopedia libre Wikipedia. http://gl.wikipedia.org/ (entrada consultada (08/04/2015).

Ningún comentario:

Publicar un comentario